CRTVG

Buscar

O turismo xerou máis de 6.300 millóns de euros en Galicia no ano 2017

Publicado o 15/01/2019 15:50

O turismo xerou máis de 6.300 millóns de euros en Galicia durante o 2017. En postos de traballo, estas cifras tradúcense en 110.000, segundo os datos do estudo elaborado por Exceltur en colaboración coa Xunta, que analiza o impacto económico do turismo en Galicia. Un impacto cada vez maior.

Fala, por exemplo de que en 2017, o emprego xerado polo sector medrou un 7%. Di, ademais, que o turismo ten efecto de arrastre noutros sectores. Así, de cada 100 empregos directos creáronse outros 40 indirectos en actividades relacionadas coa restauración, a cultura ou o transporte. O estudo destaca tamén o aumento no gasto dos turistas estranxeiros, que subiu mais do 37% superando os 1.100 millóns de euros.

No 2017 a actividade turística medrou en Galicia tres puntos por riba da media española ata xerar 6.341 millóns de euros, algo máis do 10% do PIB e o 11% do emprego. É unha das principais conclusións do estudo Impactur, que revela a crecente contribución do turismo na economía do país.

O aumento da demanda estranxeira, a mellora do gasto dos viaxeiros e os investimentos públicos e privados explican estes incrementos segundo o estudo, que marca o camiño cara un turismo sostible e de calidade diferenciada.

Acto seguido, o conselleiro presidiu a primeira reunión do grupo de traballo do Xacobeo 2021, o meirande acontecemento turístico que se agarda en Galicia nos vindeiros anos.

 

Noticias web

15/01/2019