CRTVG

Buscar

O turismo regresa á Ribeira Sacra

Publicado o 17/05/2021 14:00

O levantamento dos peches perimetrais notouse na Ribeira Sacra nesta ponte festiva. A ocupación superou de media o 70 por cento e chegou ao máximo no parador de Santo Estevo, cun cen por cento os tres días.

Este luns remata a ponte festiva e toca regresar á rutina, pero coa batería recargada. "Viñemos por escapar un pouco da cidade, porque xa había moita gana de facer un pouco de turismo". "Queriamos facer unha escapada polos canóns do Sil e vimos que o parador era un bo sitio para quedar, e aproveitamos a ponte", comentan dous visitantes galegos.

Só era ponte en Galicia, pero foron moitos os que viñeron de fóra na primeira fin de semana completa sen peche perimetral. "Temos un bono Paradores desde hai dous anos e, coa situación, aínda que Madrid está aberta, non podiamos ir a ningún lado". "Con responsabilidade, tendo coidado coas distancias, máscaras e tal, pero pasámolo moi ben", din dúas turistas madrileñas.

Madrileños, asturianos e moitos galegos tamén. Mesmo algún estranxeiro que sorprendeu ata a propia dirección do parador.

Alberto Pereira, adxunto á dirección do Parador de Santo Estevo: "Tivemos algún holandés e inglés que xa empezan a chegar aquí. De 40-50 anos, pero tamén moita familia que vén de fóra, sobre todo madrileños, pero galegos tamén moitos".

O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra conta con superar o 70 % de ocupación media previsto para esta ponte. Moitos apuntáronse á última hora, con ganas de desconectar dun ano especialmente complicado.

"Tiña moitísimas ganas de saír e de despexarme un pouco". "Levamos un ano saíndo da casa só para o traballo, e había ganas. Ademais, tivemos sorte co tempo, porque en Vigo chovía bastante", comentan dous turistas.

Un día solleiro na Ribeira Sacra nesta derradeira xornada de ponte que algúns se animaban a prolongar.

 

Noticias web

17/05/2021