CRTVG

Buscar

O turismo de volcán leva unha década en auxe aguilloado polas redes sociais

Publicado o 10/10/2021 21:16

No primeira semana de erupción do Cumbre Vieja escoitamos os lamentos da Garda Civil polas molestias que estaban causando os turistas que chegaron para ver e gravar o volcán desde cerca. Nos días seguintes chegaron á Palma máis curiosos procedentes de toda Europa. O turismo volcánico navega entre a experiencia de apesararse pola traxedia e a de gozar da grandiosidade da natureza.  

A revista National Geografic publicou hai meses que o turismo volcánico está en auxe desde hai unha década, aguilloado polas redes sociais e os "cazadores de lava". As axencias de viaxes na rede —chega con buscalas— ofrecen paquetes por exemplo a Islandia ou Hawai, ao volcán Kilawuea, que leva activo desde 1983.

Despois de tres semanas de actividade do Cumbre Vieja comezamos a ver esta clase de turistas que chegan á Palma coa idea de ver algo formidable, precioso e único. Pero cando ven o volcán, cando o inmortalizan nas súas cámaras descobren no mesmo plano que esta marabilla que regula a sustentabilidade da Terra é tamén unha catástrofe humana.

Nesta liña, unha londiniense de turismo na illa di que lle resulta moi triste ver a lava baixando porque está destruíndo moitas máis casas, pero que aínda así se lle fai perfecto para ver tamén a beleza natural deste lado das cousas. Un turista francés descríbeo como incríbel, ruidoso, poderoso e cheo de beleza. Ademais dos europeos, son moitos os veciños das outras illas das Canarias que se achegan a presenciar algo histórico.

A psiquiatría explica que o turismo de catástrofe, visitar como turista os lugares onde ocorreu unha traxedia provocada pola natureza, como un tsunami, ou polos homes, como Austwitz, responde a varios factores: o morbo, compartir a dor ou poder ver, a salvo, o impensable, o que nos puido pasar a nós pero lles ocorreu a outros.

Noticias web

10/10/2021