CRTVG

Buscar

O túnel da Cañiza seguirá pechado, como mínimo, ata maio

Publicado o 18/03/2021 12:54

O incendio dun camión no túnel que hai na autovía das Rías Baixas ao seu paso pola Cañiza mantén a vía pechada en dirección Ourense desde o pasado 25 de xaneiro, e así vai seguir polo momento. O Goberno xa confirmou que, como mínimo, ata o mes de maio. Iso obriga a desviar o tráfico pola estrada nacional, que está moi lonxe de se atopar en bo estado.

Nunca tanto tráfico se vira pola Cañiza: "Seguido, non ves? Camións e camións e camións", di un veciño.

Tráilers de gran tonelaxe, que transportan mercadoría desde Portugal e a área de influencia de Vigo cara á meseta e que, á falta de autovía, atravesan a vila, coas dificultades que iso implica.

"Aquí, aínda que queiran aparcar na estrada xeral, non poden. E non van ir aparcar ao monte para vir ao centro comer algo", di outro veciño.

Porque estes involuntarios visitantes non paran, pasan de longo, e a única pegada que deixan é no asfalto.

"A estrada está moi mal. Andan a parchear, pero está todo o asfalto levantado", ratifica un veciño.

Así e todo, para algúns veciños é un pasatempo ver de novo tráfico nunha vila que creceu ao abeiro da antiga nacional 120, e que quedou relegada tras a construción da autovía das Rías Baixas, hai xa 25 anos.

"Como hai 50 anos, vaia, non, porque daquela non había tantos camións como hai agora. Isto é impresionante".

Para os condutores, tamén é unha incomodidade e un gasto engadido. 20 quilómetros por unha estrada monte arriba, o alto de Fontefría, chea de curvas e de fochancas.

"Atrasa, polo menos, 10 ou 15 minutos, dependendo do tráfico. Sempre é un atraso". "Os primeiros días molestaba máis. Agora xa vas por costume. Xa sabes que está o túnel pechado e, mentres non abra, hai que seguir", subliñan dous condutores.

O túnel leva pechado desde o incendio dun camión, a finais de xaneiro. Aínda non hai data da reapertura pero, segundo a estimación do Goberno, non será antes do mes de maio por cuestións de seguridade.
 

Noticias web

18/03/2021