CRTVG

Buscar

O TSXG avala as medidas da Xunta porque cre que son "proporcionadas"

Publicado o 12/05/2021 17:25

• O Alto Tribunal aproba a aplicación de peches perimetrais e o toque de recollida nos concellos con máximas restricións

• Tamén acepta prohibir reunións de non conviventes de 1:00 a 6:00

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou as medidas preventivas adoptadas pola Xunta tras a fin do estado de alarma. O Alto Tribunal avala así cuestións que estaban en dúbida por afectar dereitos fundamentais, como a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autoónoma, así como as limitacións dos encontros dun máximo de catro persoas en espazos interiores e seis en exterior, tanto no ámbito público como privado.

Ademais, aproba o toque de recollida ás 23:00 horas, o peche perimietral e da hostalería e a prohibición de reunións nos concellos que presentan un nivel máximo de alerta sanitaria (nestes momentos Cambados, Laza, Cualedro, Padrón e Vilanova de Arousa).

No auto, notificado hoxe, explican que a ratificación da prohibición de encontros durante a madrugada se xustifica pola existencia de "unha situación real de risco de contaxio", di nun comunicado o gabinete de prensa do TSXG.

Din que nesa franxa horaria as reunións de persoas "desenvólvense no ámbito das relacións sociais, nas que é frecuente a relaxación das medidas de distanciamento social, uso de máscaras, etc." e cren que esa limitación durante a unha e as seis da mañá "non ten un impacto significativo no dereito de reunión".

Respecto ás medidas adoptadas nos municipios con maior incidencia, o TSXG asegura que non teñen "un impacto limitativo de dereitos fundamentais que poida considerarse desproporcionado e que esixa escoller entre outras alternativas menos gravosas". Di o Tribunal que o seu peche perimetral trata "de manter un control sobre a poboación dos municipios afectados, evitando que cos seus desprazamentos a outras localidades as persoas que poidan estar infectadas asintomáticas transmitan o virus, da mesma maneira que se trata de evitar o contaxio a persoas que poidan acceder ás ditas localidades".

En canto ás outras dúas medidas que afectan a eses concellos -toque de recollida e prohibición de reunións-, os maxistrados subliñan que están baseadas en "criterios epidemiolóxicos" e que o seu obxectivo principal é "evitar unha aglomeración de persoas, no contexto que sexa, co risco de propagación da enfermidade entre a poboación dos municipios que presentan as taxas de incidencia acumulada máis altas da comunidade".

O Alto Tribunal galego apunta no auto que na "procura do fundamento e xustificación" destas medidas "non hai que atender exclusivamente" ás consideracións expostas pola Xunta, "senón que deben sustentarse en datos facilitados por comités clínicos, con coñecementos e experiencia científica en materia de saúde e, en particular, epidemiolóxica".

Así, advirte no auto da importancia de que se poñan en coñecemento dos xuíces e xuízas "todos os datos concretos e obxectivos sobre a pandemia, con indicación e identificación das fontes de información das que proceden". Todo iso co obxectivo de que lles permita "comprobar os parámetros de necesidade, razoabilidade e proporcionalidade que se esixen para ratificar medidas restritivas de dereitos fundamentais".

Neste sentido, os maxistrados advirten a Xunta da "escaseza de datos" que lles ofreceu. "Malia iso, e no marco de transición cara a unha nova normalidade no que nos atopamos desde o cesamento do estado de alarma, e tendo en conta que, ademais, as medidas teñen un ámbito xeográfico limitado (afectan a cinco municipios) e un ámbito temporal tamén limitado, ata o día 21 de maio, con obrigación de revisión, tales circunstancias valorámolas dentro dunha razoable marxe de apreciación que admite neste momento a ratificación das medidas", explican os xuíces.

O TSXG sostén na resolución que a lei "si ampara a adopción das medidas  limitativas de dereitos fundamentais por parte das comunidades autónomas". Asegura que a normativa estatal as habilita "para adoptar medidas sanitarias preventivas coas que poidan facer fronte a situacións de grave risco contra a saúde pública". A Sala explica que no artigo 43.1 da Constitución se recoñece "o dereito á protección da saúde e o correlativo deber dos poderes públicos de tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios".

Feijóo agradece decisión do TXSG

O presidente da Xunta agradeceu a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) porque, ao seu parecer, acredita que as restricións se tomaron con "rigor".

En declaracións tras a reunión do Consello de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo valorou especialmente que o tribunal aceptara como "criterio epidemiolóxico de risco" as xuntanzas de non conviventes entre a unha e as seis da madrugada, cando está pechada a hostalería, e ratificara a súa prohibición.

"Non podemos máis que agradecer a sensibilidade do poder xudicial e felicitar o comité clínico porque, unha vez máis, as súas medidas razoadas e epidemiolóxicamente construídas, con metodoloxía e con rigor foron avaladas", dixo o presidente galego.

Tamén considerou que o TSXG acepta todas as propostas por ser "proporcionais e por ter un período temporal" e asegurou que se despois do 21 de maio, cando finalizan, a situación "empeora" pedirase a autorización para máis medidas restritivas similares.

A Xunta, aclara o presidente, pediría o estado de alarma para Galicia se estivera na situación de Euskadi pola falta dun rumbo, engade, que marque o Goberno ao que lle pide tamén falar do uso da máscara se se cumpre o calendario de vacinación que explicou Pedro Sánchez. "Se hai vacinas e seguimos inmunizando; se somos quen de controlar a apertura na que estamos e se a xente cumpre e non volvemos a subir a incidencia de contaxios, eu son optimista e (pido) que se trate a supresión da máscara en lugares ao aire libre".

 

Noticias web

12/05/2021