CRTVG

Buscar

O TSXG avala as restricións da Xunta por seren "idóneas" para protexer a saúde

Publicado o 28/05/2021 15:20
O TSXG avala as restricións da Xunta por seren "idóneas" para protexer a saúde

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou xudicialmente as medidas preventivas para facer fronte á evolución da covid-19 propostas pola Xunta o pasado 26 de maio.

A resolución do alto tribunal galego, notificada este venres, permite a publicación das novas medidas no DOG, polo que entrarán en vigor ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa difusión, e prolongaranse ata as 00.00 horas do 12 de xuño.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo avala a prohibición de reunións entre non conviventes entre a unha e as seis da madrugada en toda a comunidade autónoma, así como as limitacións dos encontros a un máximo de seis persoas en espazos interiores e de dez en exteriores, tanto no ámbito público como no privado, salvo que se trate de conviventes. Os xuíces destacan que a limitación sobre o número de persoas que se poden reunir "flexibilizouse".

Os maxistrados din no auto que as medidas solicitadas polo Goberno galego, son "idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito".

Subliñan, ademais, que as restricións están "apoiadas por informes técnicos epidemiolóxicos" e que "se basean na evidencia científica e na experiencia acumulada", polo que descartan que "teñan un impacto limitativo de dereitos fundamentais que poida considerarse desproporcionado e que esixa escoller entre outras alternativas menos gravosas”.

"Aínda que as conclusións ás que chegan os informes técnicos achegados son esperanzadoras, completándose con gráficos que reflicten a evolución da covid-19 en cada comarca nos últimos 45 días e táboas que mostran os casos e taxas a 14 días de varios concellos, a situación segue sendo preocupante", di o tribunal, quen advirte que "seguimos inmersos nunha pandemia que obriga ás administracións públicas a adoptar medidas preventivas que traten de garantir e protexer a saúde dos cidadáns".

O TSXG, ademais, destaca que están "perfectamente delimitadas no espazo e no tempo". 

O tribunal tamén autoriza o peche perimetral, a limitación de reunións entre non conviventes e a limitación da mobilidade nocturna nos tres concellos con nivel de restrición máxima, que son Lobios, A Pobra do Caramiñal e Mos.

A Sala explica que, neste caso, a diferenza das solicitudes anteriores cursadas pola Administración autonómica ao TSXG, "emprégase a fórmula de autorización e non de ratificación de medidas de carácter sanitario". O motivo do cambio, segundo o auto, é a sentenza do Tribunal Supremo emitida o pasado 24 de maio, na que determina que as medidas "só serán eficaces coa validación xudicial, polo que non entran en vigor ata esa validación e a súa posterior publicación".

Nas ocasións anteriores, a Xunta publicábaas e, despois, solicitaba a ratificación do TSXG, o que implicaba que, a pesar de estar publicadas, non entrasen en vigor ata a súa ratificación xudicial.