CRTVG

Buscar

O TSXG anula o acordo da Xunta para modificar o parque eólico da serra do Oribio

Publicado o 15/12/2020 18:04
O TSXG anula o acordo da Xunta para modificar o parque eólico da serra do Oribio

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou e deixou sen efecto, por non ser conforme a dereito, o acordo aprobado polo Consello da Xunta -o 27 de xuño de 2019- para a modificación do proxecto do parque eólico Serra do Oribio, situado na Zona Especial de Conservación (ZEC) Os Ancares-O Courel, en Lugo. 

O alto tribunal estima en tres sentencias os recursos interpostos pola Asociación Ecoloxista Verdegaia; a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo; e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Fundación Oso Pardo (FOP) e Sociedade Galega de Ornitoloxi. Os maxistrados argumentan nas resolucións que o plan 2007-2009 do parque estaba caducado.

"O proxecto autorizado pola resolución de 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005, non foi construído, nin instalado. A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación", indican os xuíces. 

O terreo, segundo consta nas resolucións, ten a cualificación de espazo natural protexido como zona de conservación da Zona de Especial Protección (ZEC) Os Ancares-O Courel e de Rede Natura 2000. O TSXG lembra que nesas áreas "non están permitidos os parques eólicos, excepto a repotenciación dos xa existentes, conforme ao Plan Director da Rede Natura". 

O tribunal entende que o parque eólico de Oribio non se pode considerar "existente" para a súa excepcional autorización, xa que "non se comezou a executar o proxecto de 2007-2009, non estando en explotación, nin instalados aeroxeradores". Por iso, conclúe que non pode "modificarse o que non existe"

As sentenzas, coas que discrepa un dos maxistrados, quen emitiu un voto particular, poden ser recorridas en casación.