CRTVG

Buscar

O Supremo revisa a condena de Torra, que de confirmarse suporía inhabilitalo

Publicado o 17/09/2020 12:10
O Supremo revisa a condena de Torra, que de confirmarse suporía inhabilitalo

Un tribunal de cinco maxistrados escoita desde o mediodía deste xoves os argumentos da defensa do presidente da Generalitat, Quim  Torra, contra a condena de ano e medio de inhabilitación que lle foi imposta por desobedecer a Xunta Electoral Central, que lle ordenou retirar símbolos independentistas durante o período electoral das eleccións do 28 de abril de 2019.

A confirmación da sentenza ditada no seu día polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña supón executar a inhabilitación de  Torra como presidente da Generalitat. 

Torra xa adiantara o mércores que a súa prioridade era a xestión da pandemia de coronavirus, sen abordar que debe facer o Govern nin o Parlament tras a súa eventual inhabilitación, poñéndose "ao servizo do país ata as últimas consecuencias".

En caso de que a sentenza do TSX sexa confirmada, o que pode ocorrer nunhas poucas semanas, a inhabilitación executarase de inmediato. Os cinco maxistrados encargados de dirimir este asunto son Andrés Martínez Arrieta, Juan Ramón Berdugo, Antonio del Moral, Vicente  Magro e Susana Polo, os tres primeiros integrantes da Sala que ditou a sentenza polo 1-O en Cataluña.

No trámite deste xoves as partes poden expoñer as súas posturas, é dicir, a Fiscalía defenderá ante o tribunal que confirme a condena, mentres que a defensa de  Torra pedirá de novo a absolución.