CRTVG

Buscar

O Supremo confirma a pena de nove anos para Miguel Rosendo por abuso sexual

Publicado o 04/05/2021 12:42
O Supremo confirma a pena de nove anos para Miguel Rosendo por abuso sexual

O Tribunal Supremo acaba de confirmar a condena que lle impuxo a Audiencia Provincial de Pontevedra a Miguel Rosendo, fundador do Grupo San Miguel Arcángel, como autor responsable dun delito de abuso sexual continuado con prevalemento e penetración á pena de nove anos de prisión, inhabilitación para exercer o dereito ao sufraxio pasivo durante o tempo de condena e a prohibición para o acusado de achegarse a menos de 500 metros da vítima e do seu domicilio, lugar de traballo e calquera outro frecuentado por ela, así como a prohibición de comunicarse con ela, por calquera medio, por tempo de dez anos superior ao da pena imposta e ao pago das correspondentes costas procesuais.

Confírmase a absolución con respecto a acusacións que se sostiveron por outras denunciantes por agresión e abuso sexual, así como por outros feitos delituosos. Recolleu o Tribunal nos feitos probados, cuxa sentenza foi obxecto de casación, que o condenado mantiña unha relación moi próxima coa vítima pola súa posición de "bastón" no organigrama do Grupo San Miguel Arcángel moi próxima ao fundador, a quen asistía e por quen sentía unha admiración especial. Unha  circunstancia que aproveitou o acusado para satisfacer os seus desexos sexuais, tal e como se describe na sentenza.