CRTVG

Buscar

O Tribunal Supremo avala esixir o pasaporte covid para acceder á hostalería en Galicia

Publicado o 14/09/2021 17:16

• Sanidade afirma que o novo protocolo para o sector entrará en vigor este mércores "segundo o previsto" | Consúltao no DOG

 

Galicia poderá volver esixir o certificado covid nos locais de hostalería e de lecer nocturno. O Tribunal Supremo avala a medida, que desestimara a xustiza autonómica.

A sentenza do Supremo di que é unha medida idónea e necesaria, e que non atopa outra que resulte máis adecuada para salvagardar a vida e a saúde dos cidadáns neste tipo de establecementos.

O texto do Supremo rebate todos os argumentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Asegura que pedir o certificado covid non vulnera o dereito á intimidade nin a protección de datos, e que, en todo caso, están por riba o dereito á vida e á protección da saúde pública.

Di que tampouco discrimina entre os que están vacinados e os que non, porque os que non están teñen opción de utilizar outros instrumentos como unha proba diagnóstica negativa para entrar nos locais.

O Supremo entende ademais que pedir o certificado covid é unha medida proporcionada, tendo en conta que os interiores dos establecementos son lugares onde é difícil manter a distancia, e non se usa a máscara de maneira constante.

A sentenza tamén resalta que se trata dunha medida temporal, e destaca que, a diferenza de Andalucía, a Xunta non a aplicou de maneira indiscriminada, senón en función dos niveis de incidencia de cada concello.

O documento do Supremo inclúe un voto particular dun dos maxistrados, que entende que o pasaporte covid afecta de forma severa, extensa e intensa os dereitos de igualdade e de intimidade.

Consulta a sentenza do Supremo aquí.

A hostalaría galega acolleu entre a satisfacción e a cautela o ditame do Tribunal Supremo. En declaracións a Europa Press, o presidente da Confederación Empresarial de Hostalaría de Galicia, Cheché Real, cualificou de "magnífica" a decisión do Supremo, aínda que lamentou que non a adoptase antes o Alto Tribunal galego.  

"Non teriamos que facer todo iso", afirmou sobre as reunións que mantiveron coa Xunta de cara a concretar un novo plan para a hostalaría, con dous niveis e en función dos requisitos que cumpran os hostaleiros en lugar de por a incidencia do covid en cada concello. "Non sei que pasará agora", admitiu.

Pola súa banda, o vicepresidente de Hostalería Federada Galega (Hosfega), Sergio Fernández, manifestou que están á espera de coñecer en detalle o fallo do Tribunal Supremo e tamén do que decida a Xunta, en relación a se mantén o novo protocolo, que tampouco considera a "panacea", ou aplica a esixencia do certificado. 

Desde a Consellería de Sanidade apuntaron que o novo protocolo para a hostalaría entrará en vigor "segundo o previsto", este mércores. Con todo, a medida aínda está pendente de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG). "O que pasa é que os locais, se cadra, necesitan tempo para adaptarse ás normas", expuxeron, asegurando que este mércores poderán xa notificar "que queren estar no nivel un ou dous". 

Noticias web

14/09/2021