O Tribunal Superior de Xustiza pide axilidade para actuar no Garañón
Ultimato ao Concello de Lugo sobre a polémica urbanización coñecida como Torres do Garañón. O Tribunal Superior de Xustiza avisa o Concello de que xa pasaron dous anos dende que ditou sentenza para repoñer a legalidade nesta zona da contorna do parque Rosalía de Castro.
Neste tempo déronse poucos avances e advirte de sancións por incumprimento da orde xudicial. O Concello comprometíase en setembro a derrubar as torres e subtituílas por unha zona verde. O compromiso é facelo nesta lexislatura e informan que o xoves se aprobará en xunta de goberno unha nova licitación para modificar o Plan xeral de ordenación urbana, paso previo á actuación no Garañon. Ademais do proxecto de derruba das torres terán que facerlle fronte á demanda interposta polo promotor en que reclama 26 millóns de euros.
O litixio sobre esta urbanización remóntase a 9 anos atrás. A xuíza Pilar de Lara paraliza a súa construción tras unha denuncia veciñal. Unha causa que obrigou a apartarse da primeira liña da política o ex-alcalde Xosé López Orozco e o ex-secretario xeral dos socialistas galegos José Ramón Gómez Besteiro que era o encargado da área de Urbanismo cando se autorizaron as torres.