CRTVG

Buscar

O tribunal italiano esperará a decisión da xustiza europea sobre Puigdemont

Publicado o 04/10/2021 19:49
EFE

O Tribunal de Apelación de Sassari (Sardeña) decidiu suspender o procedemento sobre a entrega a España do expresidente catalán Carles Puigdemont á espera de que se pronuncie a xustiza europea sobre a inmunidade do líder independentista e a cuestión prexudicial, segundo afirmou o seu avogado en Italia, Agostinangelo Marras.

"A Corte de Apelación de Sassari decidiu suspender a decisión ata que a Corte Europea de Xustiza resolva antes dúas cuestións, a relativa á inmunidade do presidente Puigdemont e á relativa á competencia do xuíz español de emitir un procedemento como o que emitiu", explicou Marras, ao termo desta vista e ante os medios que esperaban fronte ao tribunal.

Ao preguntarlle sobre os tempos, o letrado italiano sinalou que non pode dar datas concretas de canto poderá durar esta espera e matizou que a causa non está arquivada, senón só suspendida.

Puigdemont, que non fixo declaracións á saída da Corte, foi detido o 23 de setembro á súa chegada ao aeroporto de Alguer por unha orde do Tribunal Supremo e foi trasladado ao cárcere de alta seguridade de Sassari, aínda que foi posto en liberdade ao día seguinte.

O líder catalán chegou ao Tribunal de Apelación de  Sassari este luns ás 10:55 horas locais e permaneceu dentro ata ao redor das 15.00 horas locais.

Para acompañar ao líder catalán viaxaron ata a illa italiana os exmembros do Govern Toni Comín e Clara Ponsatí, tamén buscados pola xustiza española e sobre os que pesa outra euroorde do Tribunal Supremo.

Tamén a deputada da CUP Dolors Sabater e o secretario xeral de JxCat e expresidente da ANC, Jordi Sànchez, que estivo encarcerado e foi indultado polo Goberno español en xuño.

Por outra banda, antes da chegada de Puigdemont tamén entrou no tribunal a vicesecretaria xurídica de Vox, Marta Castro, en representación do partido, que pediu comparecer na causa aínda que o tribunal sardo non lles concedeu a petición. 

Puigdemont acusa a España de usar o poder xudicial para "obxectivos políticos"

O  expresidente da Generalitat Carles Puigdemont acusou este luns a España de utilizar o poder xudicial para conseguir "obxectivos políticos", e considera que é un camiño que non lles serviu para lograr "resultados positivos".   

"É momento de dicirlle a España, basta. Basta!. Basta de seguir un camiño que non lle dá deu ningún resultado positivo, un camiño que dificulta unha resolución política dun conflito político, o conflito entre Cataluña e España, que consiste en negar aos cataláns o dereito para decidir o seu futuro, a exercer o dereito á autodeterminación", sostivo en conferencia de prensa.   

Díxoo despois de que o Tribunal de Apelación de Sassari (Italia) decidise suspender a orde de detención e entrega de Puigdemont sine die, á espera de que os tribunais europeos se pronuncien sobre a súa inmunidade e de que se resolva a pregunta prexudicial realizada polo xuíz do Supremo Pablo Llarena.

Noticias web

04/10/2021