CRTVG

Buscar

O Tribunal Constitucional avala a prisión permanente revisable

Publicado o 06/10/2021 13:27
O Tribunal Constitucional avala a prisión permanente revisable

O Pleno do Tribunal Constitucional (TC) acordou desestimar os recursos de inconstitucionalidade presentados contra a prisión permanente revisable implantada polo anterior Goberno do Partido Popular, en vigor desde o 31 de marzo de 2015.

Segundo fontes xudiciais, sete maxistrados votaron a favor de validar a constitucionalidade da norma que regula a prisión permanente, mentres que tres, do chamado sector progresista, votaron pola súa inconstitucionalidade.

Trátase dos maxistrados Cándido Conde-Pumpido, María Luisa Balaguer e Juan Antonio Xiol, que anunciaron que formularán votos particulares contra a sentenza aprobada pola maioría porque para eles a prisión permanente supón unha "liña vermella" ao considerala inconstitucional por definición.

Segundo as fontes, que cita a Axencia EFE, o relatorio da vicepresidenta Encarnación Roca foi apoiado nos seus termos sen incluír as modificacións dos progresistas que avogaban por, polo menos, suavizar as condicións que afectan o carácter revisable da pena, que tamén existe en varios países da nosa contorna como Francia, Alemaña e Italia.

Desta forma, avaláronse os prazos fixados polo Código penal para revisar o encarceramento, que oscilan entre os 25 e os 35 anos, a pesar de que había varias peticións sobre a mesa para rebaixar os mínimos de prisión efectiva ata os 20 ou 15 anos.

Foi o PSOE quen impulsou ese recurso, aínda que, unha vez na Moncloa e coa posibilidade na súa man de derrogala, os socialistas optaron por esperar a coñecer o ditame do tribunal.

A pena de prisión permanente revisable, tal e como se implantou, só se pode impoñer en casos de delitos de excepcional gravidade e está regulada no artigo 140 do Código Penal.

Establécese para casos en que a vítima dun asasinato é menor de 16 anos ou especialmente vulnerable, en casos en que se comete un asasinato tras a comisión dun delito contra a liberdade sexual, en casos de asasinato por parte dunha organización criminal ou terrorista, a comisión de dous ou máis asasinatos por parte do condenado, o asasinato do rei de España, a raíña, o príncipe ou princesa de Asturias ou dun xefe de Estado que se encontre en territorio español e crimes de lesa humanidade.

Desde a súa implantación 27 persoas foron condenadas á pena de prisión permanente revisable. O primeiro deles foi David Oubel, por matar as súas fillas menores de idade en Moraña. Tamén foi condenado a esta pena José Enrique Abuin Gey, o Chicle, polo secuestro e asasinato de Diana Quer.

Noticias web

06/10/2021