CRTVG

Buscar

O Tour 1906 vincula a historia de Estrella Galicia coa da época modernista da Coruña

Publicado o 14/07/2021 14:53

O MEGA crea un novo paquete turístico, o Tour 1906, no que vincula a historia da Estrella Galicia coa época modernista da Coruña. "Esta é unha visita moi cascarilleira. Ímonos ao ano 1906...".

Transfigurado nun coruñés da época, o actor, guía e historiador Suso Martínez contextualiza in situ nun percorrido pola zona vella a puxanza da cidade a comenzos do século pasado. "Sabedes que Galicia se fixo en América, dicía Curros Enríquez; que razón tiña!", enfatiza o guía.

Neses comenzos do século XX, o epicentro da vida urbana coruñesa xiraba aínda arredor da rúa Tabernas ou a praza do Parrote, pero ata a vella arquitectura medieval ía collendo unha envoltura máis acristalada e modernista... "A entrada deste pazo estaba na praza Maior", di o guía sinalando un edifico da zona.

O guía vai incorporando ao percorrido as figuras significativas, tanto na cultura coma na economía da época, desde Emilia Pardo Bazán ata José María Rivera, un emigrante das Pontes que por daquela xa era un habaneiro retornado que iniciaba un proxecto industrial na Coruña. "Estamos en 1906".

Ese proxecto industrial, que é o que dá pé a esta iniciativa turística, non deixou de medrar desde entón. Agora a sua área de distribución é o mundo enteiro, pero as cervexas séguense producindo todas na factoría da Grela. A historia das catro xeracións que deron continuidade á empresa do patriarca habanero pódese ver e saborear no MEGA, o museo que Estrella Galicia creou hai dous anos no marco da propia fábrica, que é onde remata esta visita. "Isto é importante que o saibades, cada cervexa leva o seu mosto específico. Fixádevos; hoxe temos o da 1906", explicalle o guía do MEGA, os visitantes que van degustar o mosto do día, despois de ver a historia da compañía e unha explicación detallada dos ingredientes e o proceso de fabricación da cervexa.

"Creamos un paquete turístico, que lle chamamos de quilómetro cero, porque é un produto de turismo local. Pensamos que é perfecto para sumarse a esta aposta que temos pola cultura da cervexa e tamén polo destino da Coruña como un gran potencial a nivel nacional e internacional", exlica Rodrigo Burgos, o Director do MEGA.

O Tour 1906 remata na última planta do MEGA cunha cata das distintas cervexas da marca e queixos do país. Logo deste avance para a prensa, está previsto que estas visitas guiadas teatralizadas se regularicen como unha oferta quincenal a partir do 7 agosto.

Noticias web

14/07/2021