CRTVG

Buscar

Un xulgado de Lugo ordena o desafiuzamento dun home en situación de especial vulnerabilidade

Publicado o 06/05/2021 14:01

Un xuíz de Lugo deixou na rúa un sexaxenario enfermo, a pesar de que esta mesma semana foi prorrogada a suspensión de desafiuzamentos de persoas vulnerables. Ademais, foi expulsado da súa vivenda, no barrio de Lamas de Prado, sen esperar a que os servizos sociais lle buscasen unha alternativa.

O home, que atravesa unha sutiación de saúde grave, ten a mobilidade reducida. Tras un infarto cerebral, quedou inválido, e agora apenas pode desprazarse.

Coa pensión que cobra non pode afrontar o alugueiro de case 500 euros ao mes, polo que tivo que deixar de pagar as cotas hai agora ano e medio. Tampouco pode botarlle unha man a súa familia, polo que a súa situación é extrema. O seu día a día é hoxe posible grazas á axuda que recibe do Concello de Lugo.

O seu avogado, que solicitou ata catro veces a paralización do procedemento por parte do xulgado de primeira instancia número 3 de Lugo, cualifica o desafiuzamento de "rocambolesco".