CRTVG

Buscar

O tifón Phanfone deixa 41 mortos nas Filipinas

Publicado o 29/12/2019 10:46
O tifón Phanfone deixa 41 mortos nas Filipinas

As autoridades das Filipinas elevaron este domingo a 41 os mortos causados polo tifón Phanfone que causou estragos na zona central do arquipélago, principalmente entre o martes e o venres pasados. No seu último informe, o Centro Nacional de Redución de Desastres precisou que o tifón xa se atopa fóra do arquipélago, informou de que tamén hai 28 feridos e 12 desaparecidos. A maioría dos mortos producíronse nas illas de Panay e Samar, na rexión de Visayas, aínda que o tifón tamén provocou fortes choivas e inundacións na súa traxectoria cara ao noroeste do arquipélago.

"Phanfone", bautizado localmente como "Úrsula", destruíu embarcacións, casas e provocou inundacións, o que deixou 1,6 millóns de persoas damnificadas, das que máis de 97.000 se atopan en refuxios temporais. Os danos ascenden a máis de 1.074 millóns de pesos (21,13 millóns de dólares), con máis de 265.000 casas, 372 escolas e 29 centros sanitarios afectados, así como 52 estradas e dúas pontes.

As Filipinas reciben cada ano entre 15 e 20 tifóns durante a tempada de choivas, que comeza ao redor dos meses de maio e xuño e adoita concluír entre novembro e decembro. En novembro de 2013, o supertifón Haiyan provocou máis de 6.300 mortos, un milleiro de desaparecidos e 14 millóns de damnificados con ventos sostidos de 235 quilómetros por hora que causaron un tsunami que arrasou quilómetros de costa.

Noticias web

29/12/2019