CRTVG

Buscar

O tetilla Pazo de Anzuxao, mellor queixo madurado de vaca de España

Publicado o 28/11/2019 13:38

O mellor queixo madurado de vaca de España faise nun pazo e repártese polas aldeas en furgoneta. Falamos do tetilla Pazo de Anzuxao, que gañou o premio Alimentos de España despois de competir con máis de 200 queixos de todo o estado.

Neste pazo de Lalín hai hórreo, pombal, capela e queixería. Lácteos Anzuxao naceu hai 40 anos para transformar en queixo o mellor leite dos pastos do Deza. 

Javier Sampayo Menéndez, da queixería Pazo de Anzuxao di que "o segredo principal dun bo queixo é o leite. Ten que ter unha calidade bacterolóxica, unha graxa, unha proteína para que aos queixeiros, neste caso miña irmá e eu, nos sexa fácil a elaboración".

Con ese leite, a boa man da familia Sampayo e 15 días de maduración faise o mellor queixo madurado de vaca, segundo a cata do Ministerio de Agricultura. Un tetilla que venden na súa tenda e en furgonetas por toda Galicia, porta a porta, evitando intermediarios.

"É unha venda custosa pero que che dá moitas satisfaccións porque es ti o que levas o queixo e véndelo a quen o vai comer, non a unha tenda", explica Javier.

Gústalles ver a cara dos clientes, así que, se lles interesa o queixoturismo, están convidados a visitalos. Teñen as portas abertas para os que queiran coñecer que hai detrás duns queixos que xa figuran entre os mellores alimentos de España.

Noticias web

28/11/2019