CRTVG

Buscar

O testemuño da sobrevivente orienta en Porto do Son a busca dos desaparecidos

Publicado o 08/07/2020 21:17

A busca intensificouse esta tarde entre a zona onde apareceu a moza e onde foi atopado o kaiak. A versión da moza do que aconteceu mantén a hipotese de que un dos rapaces quedara á deriva sobre a embarcación. De aí que estean buscando especialmente no lugar onde apareceu a piragüa. De momento, sen éxito.

O kaiak apareceu nunha zona de rochas da illa Filgueira e, polo que conta a moza rescatada, que ía nese kaiak cando envorcou, un dos tres mozos puido caer ao mar nese punto. Pero a busca no mar é moi difícil.

Os mergulladores da Garda Civil e de Salvamento Marítimo baixan uns quince metros. Apoiándoos están cada mañá uns dez navalleiros, mergulladores da zona, que, xunto cos mariñeiros de Porto do Son, miran ao mar, como xa pasou noutras ocasións, con certa resignación.

O operativo de busca traballa con intensidade entre a zona onde foi rescatada a moza e onde apareceu o kaiak. Pero, contan os entendidos do mar que as correntes, o vento e as furnas submariñas, poden modificar, dun momento para outro, calquera hipotese sobre a que se traballe.

Noticias web

08/07/2020

Máis sobre Porto do Son