CRTVG

Buscar

O terceiro, o 00750, o número que ninguén pediu e chegou ao Grove, Vilalba e Santiago

Publicado o 22/12/2019 21:16

Era un número cativo, ata parecía que quedaba escaso na bóla do sorteo. Iso deberon pensar moitos cando o viron impreso nos décimos e seguramente por ese motivo ata o último momento estivo pendurando detrás deste cristal.

"Foi vendido onte todo. Alégrome un montón. Os últimos minutos son os primeiros!", dicía Manuel Rodríguez, o loteiro.

Nesta administración, a número 1 do Grove, vendéronse os 10 décimos que tiñan e foi na única en que apareceu unha agraciada esta mañá.

"Tiña un só, e adoito coller un o día antes, sempre. E onte vin ás cinco e ese... chamoume! E dixen: para min!", di unha agraciada.

Outra serie do 750 foi recuncar a Vilalba, onde saben ben o que é repartir premios de Nadal. Aínda teñen presente o Gordo de hai dous anos, con máis de 520 millóns na vila. E aquí o 750 non foi tampouco un número querido.

"Este número, o 750 rexeitoumo un cliente hai unha semana. Díxome: 'Non, dáme outro que este ten moitos ceros'. E así é a vida", contaba Daniel Formoso, o loteiro de Vilalba.

"Non sei, deben pensar que ese nunca vai tocar. Que ese é feísimo. Pero toca, vaia se toca!", di Begoña Viqueira, loteira en Compostela.

Nisto coinciden todos os que traballan detrás do mostrador, para o bombo non hai números feos. Begoña, desta volta, só vendeu un décimo en Santiago. Escolleuno a máquina e o agraciado, que aínda non se deu a coñecer, non o rexeitou.

Noticias web

22/12/2019