Un tenente galego da Garda Civil evacúa a súa propia familia na Palma
Publicado o 02/10/2021 16:45
O tenente Jose Antonio Nieves, de Ribeira, leva 23 anos destinado nas Canarias, e deles os últimos 16 na Palma, onde sobra dicir que para todos é "o galego". Arestora é o xefe do Destacamento de Tráfico da illa.
A súa casa, no barrio da Mancha, foi das primeiras evacuadas. José Antonio tivo que desaloxar a súa propia familia e deixar o fogar propio atrás. El mesmo gravou o momento.
Os que o coñecen din que a enteireza lle puidera vir de non parar a pensar no seu. Porque leva traballando dúas semanas en labores de proteción civil e seguridade cidadá.
Nos seus vídeos non hai espectáculo senón drama. El non sabe que vai pasar coa súa casa, coa escola dos seus fillos... Polo momento, todo é incerteza.