O temporal descobre o pedregal da praia coruñesa do Matadoiro
O traballo da natureza pola acción do vento e do mar proporciona cambios de fisonomía como o que ofrece a praia do Matadoiro cando falta pouco máis dunha semana para o inicio do inverno.
A ondada trasladou a area e deixou ao descuberto as pedras.
"Cando é marea baixa chega moito máis alá de onde a estamos a ver coa alta. É unha praia moi abrigadiñá. Aquí acode bastante xente, pero ten pouca cabida, pouca ocupación".
Onde hoxe vemos tanta pedra, en tempo de calor e sol, como lembramos, é todo un areal. Pequeno, pero ben animado. Entre os camiñantes do paseo marítimo hai dúbidas de que a natureza por si soa faga a viaxe inversa coa area do Matadoiro.
"Non sei. Ao mellor, non. É unha praia moi cuca. Eu vin moito a esta praia. Moito. O que pasa é que nacín aquí e estou cansa da praia".
"Non creo que o mar logre retornar toda a que levou. Non é a primeira vez que botan area logo da tempada de inverno".
"Sei que alí están a repoñer area de cando en vez, pero non sei se aquí acabará sucedendo o mesmo de repoñela ou non".
Bonita, pero pequeniña, son as valoracións que máis escoitamos sobre esta praia, moi ansiada en determinadas circunstancias de sol e moi botada de menos debaixo do paraugas.
"É unha praia preciosa, o que pasa é que é pequeniña e ponse chea de xente porque... comparado co Orzán isto é o Cancún de calor que vai sempre. Unha preciosidade de praia".