CRTVG

Buscar

O temporal deixa un cento de incidencias na provincia de Pontevedra

Publicado o 03/10/2021 13:58

Noite de temporal que nos meteu de cheo no outono. Pontevedra foi a provincia onde máis choveu e Fornelos de Montes, o concello no que caeu máis auga. Recolléronse 96 litros por metro cadrado, o récord da comunidade. En Ponte Caldelas, foron 71.

O vento tamén zoou con forza. No interior, temos os exemplos de Carballeda de Valdeorras, con 141 quilómetros por hora ou a Serra do Xistral, onde se acadaron os 139. No mar, rexistráronse refachos de ata 120 quilómetros por hora en Punta Candieira e nas Illas Cíes de 98, algo moi significativo tendo en conta que a estación que mide o vento está só a 25 metros sobre o nivel do mar.

Estragos en Vigo

Vigo foi un dos municipios máis afectados. Coas primeiras luces do día os estragos facíanse visibles na cidade. A auga caeu con forza entre a 1 e as 3 da mañá e deixou varias rúas anegadas.

O vento tamén foi protagonista. Tirou varias árbores e provocou a caída de pólas en varios coches estacionados na céntrica rúa Merlo de Vigo. Os bombeiros tiveron que retiralas e podar aquelas que supuñan unha ameaza.

Os momentos máis tensos vivíronse pola noite no interior do túnel de Jenaro de la Fuente. A tromba de auga colapsouno por completo e asolagou varios coches. De feito, os bombeiros tiveron que rescatar do interior de varios vehículos condutores e acompañantes.

En toda a provincia de Pontevedra houbo 99 incidencias. Este domingo, co ceo solleiro e despexado, toca facer reconto e reparar os estragos.

Noticias web

03/10/2021