CRTVG

Buscar

O temporal deixa refachos de 120 km/h e ondas de máis de 8 metros de altura

Publicado o 01/02/2021 20:20

O temporal costeiro que afecta a Galicia deixou este luns refachos de vento de máis de 120 quilómetros por hora no norte da provincia de Lugo e acumulacións de choivas superiores aos 20 litros por metro cadrado en varios puntos do sur da Coruña e o norte de Pontevedra.

O litoral costeiro permaneceu en aviso laranxa desde a madrugada deste luns debido ao temporal que afectou a comunidade nos últimos días. Ademais, o aviso amarelo estivo activo entre as 00.00 e as 03.00 horas e a partir das 18.00 horas na comarca lucense da Mariña. En concreto, entre as 2.00 e as 3.00 horas, os refachos de vento superaron os 120 quilómetros por hora nas localidades lucenses de Muras e Viveiro e situáronse ao redor dos 100 quilómetros por hora en Burela (Lugo) e Cedeira (A Coruña).

Nos municipios da provincia de Ourense de Manzaneda e Carballeda de Valdeorras o vento alcanzou velocidades de máis de 90 quilómetros por hora, que foron lixeiramente inferiores a esta cifra en Abadín (Lugo) e Ortigueira (A Coruña).

Así mesmo, rexistráronse acumulacións de choivas superiores aos 20 litros por metro cadrado nos municipios pontevedreses Cuntis e Cotobade e o coruñés de Lousame. A maior cantidade de precipitacións acumulada este luns caeu en Boiro (A Coruña), onde se alcanzaron os 27,6 litros por metro cadrado.

En toda a costa galega o temporal foi a máis este luns. O mar de fondo foi gañando intensidade e coincidindo coa preamar a media das ondas máis elevadas andou polos 8 metros de altura no Cabo Vilán. Na cidade da Coruña mantivéronse pechados os accesos ás praias.

Unha nova borrasca e unha semana máis que comeza complicada para a frota que en boa parte quedou en terra. En Ribeira, os poucos que saíron pescar pola mañá fíxerono ao abrigo da ría.

Tamén en cabo Silleiro e en Estaca de Bares as ondas rozaron de media os oito metros. Na Mariña de Lugo amais está activado en terra un aviso por fortes refachos que superaron os 100km/h en puntos como Viveiro e Burela. De madrugada amainará o temporal no mar, pero na tarde do martes empeorará cun novo aviso laranxa por mar de fondo e por fortes ventos, situación que se manterá ata o mediodía do mércores na Costa da Morte.


 

Noticias web

01/02/2021