CRTVG

Buscar

O temporal deixa árbores caídas, asolagamentos e cortes de luz

Publicado o 16/12/2020 19:44

A caída dunha árbore sobre o tendido eléctrico deixou este mércores sen luz uns 800 veciños en Brión.

"Estaba no cerrado e sentín ao fondo da casa dous ruídos raros, como se dende unha fiestra alta tiraran dous plásticos moi gordos e en dous minutos repetiuse o mesmo son. Pero eu mirei e non vía nada. E inmediatamente quedamos sen corrente".

"Co cal tiven que anular as clases da mañá, mandar correos, facebook e todo a través do móbil porque tampouco tiña wifi. Apraceinas para a tarde, que tampouco tivemos luz co que tiven que adialas para mañá e despois a maiores teño dous nenos e non puidemos facer a comida".

"Os arcóns neste tempo están xa cheos para o inverno, a cociña, a calefacción non a podes acender".

Ademais de cortes de luz, a chuvia e o vento deixaron problemas en toda Galicia. En Vigo rebordou o Lagares. Inundáronse estradas de zonas baixas como esta de Abanqueiro, Boiro. E enchéronse de auga varios garaxes de Cangas.

"Esta noite fixo ben, a ventar e chover toda a noite".
"Tremendo, nós estivemos metidiñas na casa, pero oímos como chovía. Moito. Foi demasiado.
"Espertei ás seis da mañá, e era como se a botara con xerras, igual" .
"Chovía, ventaba... facía as de Cristo".

Para este xoves agárdanse refachos de vento de máis de 80 km por hora practicamente en toda Galicia. No mar continúa o temporal con ondas de 5 metros.

Noticias web

16/12/2020