CRTVG

Buscar

O tempo vai experimentar un cambio brusco nas primeiras horas do domingo

Publicado o 07/05/2021 14:12

A situación atmosférica galega vai proporcionar nesta fin de semana sensacións contrapostas, coa liña do cambio situada na madrugada do domingo. MeteoGalicia di que se está a formar xa unha borrasca bastante profunda ao oeste de Irlanda, pero de inmediato a perspectiva non é tan escura.

Juan Taboada, prognosticador en MeteoGalicia: "Imos vivir unha tarde de hoxe moi primaveral e mañá mesmo teremos calor, con temperaturas que superarán sen problemas os vinte graos, mesmo os vinte e cinco nalgunhas zonas do interior. Mañá comezaremos a notar algo de vento sur".

Segundo os prognósticos, mañá á noite o ambiente atmosférico vai pegar un xiro de 180 graos: "Aí chegará unha fronte asociada a esa profunda borrasca e as precipitacións van ser intensas e xeneralizadas nesas primeiras horas e madrugada do domingo. Nalgúns puntos poden ser mesmo de carácter torrencial, e a partir de aí, nas horas diúrnas do domingo, quedaremos xa nunha zona máis tranquila, con chubascos, pero xa de tipo intermitente, e veremos algo o sol. O que si notaremos o domingo será un importante descenso nas temperaturas, con valores máximos que non chegarán aos vinte graos", di Juan Taboada, e engade: "Estamos vendo para a noite do luns e mañá do martes unha cota de neve en altitudes de 1.200 metros. Así que, como anécdota, podemos dicir que a principios da vindeira semana haberá neve nas zonas altas de Galicia". Panorama diverso, pois, en tempo de primavera.