O tempo da primavera e un mes de xullo sen chuvia pasan factura á colleita de mazá na Estrada
Nesta leira da Estrada hai dúas hectáreas de maceiras. Forma parte da cooperativa Ullama, integrada por unha trintena de produtores e 100 hectáreas. O ano pasado a cooperativa recolleu millón e medio de quilos de mazá de cultivo ecolóxico que se venderon para unha sidraría de Chantada. Xa contaban que este ano a colleita sería máis cativa, pero non tanto. Cren que só recollerán medio millón de quilos.
"Este ano é un ano veceiro en que normalmente hai menos cantidade. Pero este ano pola primavera irregular que houbo e o mes de xullo con 40 días sen chover, vai haber menos do previsto", di Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama.
O inicio da colleita depende do resultado das probas de maduración das mazás previstas para esta semana. Non será antes da terceira semana de setembro e, probablemente, será máis curta que en anos anteriores. É posible que só dure un mes.
Entre 60 e 80 persoas da comarca traballarán nunha colleita marcada pola pandemia con máscara, xel e, sobre todo, distancia de seguridade.
"A diferenza do viñedo, aquí as filas son máis anchas, as filas das árbores están a cinco metros. Cada unha das persoas estará nunha fila e xa se garante a distancia e non teñen que cruzarse, cada unha colle pola súa fila ata que remate. Non hai contacto entre a xente", asegura Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama.
Con todo, aínda están pendentes de que a Xunta lles indique o tipo de proba á que se terán que someter todos os traballadores. O obxectivo é que non ocorran os contaxios que se produciron noutras zonas coa recollida de froita.