CRTVG

Buscar

O tempo, chaleco e conexión con terra, fundamentais antes de saír en kaiak

Publicado o 20/07/2020 19:22

Para evitar accidentes coma estes é importante ter moi en conta o tempo, desde o estado do mar e a situación das mareas ata a previsión meteorolóxica. Tamén levar posto o chaleco salvavidas e que alguén en terra coñeza a ruta prevista.

Cando o mar está coma hoxe en San Vicente, O Grove, e o vento sopra con forza, a empresa de alugueiro de kaiaks que hai na praia de Area Grande non aluga, e os seus traballadores recomendan a quen teña un kaiak particular que non saia ao mar. O tempo é o primeiro factor a ter en conta para evitar accidentes.

"Sempre hai que mirar a predición do tempo para ese día. Se pode haber un cambio forte, se a marea está subindo ou baixando. No mar o máis importante é o sentido común. Se vas só alguén ten que saber a ruta que vas facer, poder estar conectado con terra", di Carlos López, encargado de Caminoenkayak.

Tamén e importante, segundo este experto, levar traxe de neopreno para evitar hipotermia en caso de caer ao mar, e, máis aínda, usar chaleco salvavidas.

"Aínda que saibas nadar o chaleco é fundamental porque podes ter un mareo, un golpe, que te leve o mar... . O chaleco vai impedir que te afundas e ademais vaiche dar caloriña, importante para a hipotermia", engade Carlos López.

Este mes de xullo está a ser especialmente ventoso, polo que os profesionais aconsellan extremar as precaucións e, sobre todo, ter moito sentido común.

Noticias web

20/07/2020