O teatro toma as rúas e prazas de Ourense tras o regreso da MITEU
A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, a MITEU, regresa a escena tras un ano complexo pola pandemia, que condicionou a produción do festival, os ensaios e ata o número de actores en cada representación. Boa parte das funcións vanse realizar ao aire libre, en espazos inusuais para o teatro.
A aula iniciática de teatro universitario de Ourense, Rosaura, foi un ano máis a encargada da estrea da MITEU que nesta ocasión, por mor da pandemia, chega fóra de data, máis tarde do que acostuma, pero cos folgos renovados.
Non foi un ano calquera, ata os ensaios e a produción de cada espectáculo tiveron que adaptarse ás esixencias sanitarias. Nesta edición, a que rebasa xa o cuarto de século, haberá 24 representacións. Veñen compañías de toda a península, Italia, Arxentina ou Guinea Ecuatorial.
Diversas procedencias e espectáculos tamén diversos, moito teatro pero tamén música, danza e ata circo. Sobre o escenario do teatro principal, e nas rúas e prazas da cidade, as máis populares e as do Ourense invisible tamén. E así durante dúas semanas, ata a clausura o 15 de xullo.