CRTVG

Buscar

O Supremo rexeita medidas cautelares contra o rei Xoán Carlos ao non estar imputado

Publicado o 06/08/2020 09:56

O Tribunal Supremo rexeitou a petición da entidade Òmnium Cultural de adoptar medidas cautelares contra o rei Xoán Carlos porque o sistema procesual non permite dar ese tipo de pasos cando a persoa non ten a condición de investigado (antes denominado imputado), como é o caso de Xoán Carlos I.

Nunha providencia ditada este mércores, a Sala de vacacións do Supremo descarta adoptar as medidas solicitadas por Òmnium, que presentou onte no alto tribunal unha petición urxente para activar a "procura internacional" do rei Xoán Carlos e para que fose citado a declarar de maneira inmediata como investigado.

"O noso sistema procesual non contempla a adopción de medidas cautelares respecto de quen non ten a condición de investigado", indícase na providencia do Supremo, cuxa Fiscalía asumiu a investigación do presunto pago de comisións na construción do AVE á Meca ao comprobar que unha das persoas que poderían estar involucradas nos feitos sería Xoán Carlos de Borbón.

A entidade independentista anunciou a petición de medidas cautelares despois de que este luns o Palacio da Zarzuela difundira unha carta do rei emérito a Felipe VI en que lle comunicaba a súa decisión de trasladarse a vivir fóra de España ante a repercusión pública de "certos acontecementos pasados" da súa "vida privada".

O Supremo debe aínda decidir se admite a trámite a querela presentada por Òmnium contra o antigo monarca o pasado xullo polos delitos de corrupción, branqueo de capitais e fraude fiscal.

Enmarcada na súa campaña 'Hagámosla caer', a organización explicou que non confiaba no Supremo, pero que acudía a esa instancia para "fiscalizar" o papel da Fiscalía e evitar que sirva para tapar "as vergoñas" da corrupción.

A Fiscalía Xeral do Estado reforzou o equipo de fiscais que se encargan da investigación sobre o suposto pago de comisións na construción do AVE á Meca, en que podería estar involucrado Xoán Carlos de Borbón.

A Fiscalía do Supremo asumiu a investigación procedente de Anticorrupción e trata de "delimitar ou descartar" a relevancia penal dos feitos ocorridos desde xuño de 2014, cando Xoán Carlos I deixou de ser xefe do Estado e perdeu a inviolabilidade, segundo o Ministerio Público.