CRTVG

Buscar

O Supremo rexeita abrir Madrid na Semana Santa

Publicado o 23/03/2021 16:13
O Supremo rexeita abrir Madrid na Semana Santa

O Tribunal Supremo rexeitou a suspensión cautelar solicitada por Vox do peche perimetral da Comunidade de Madrid para a ponte de San Xosé e a Semana Santa.

A Sala do Contencioso-Administrativo ditou un auto en que desestima a petición do grupo parlamentario Vox na Asemblea de Madrid, a través da súa voceira Rocío Monasterio, contra o decreto do 12 de marzo, da presidenta da Comunidade de Madrid.

Nese decreto, Isabel Díaz Ayuso estableceu o peche da rexión nos termos aprobados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do 10 de marzo.

O tribunal xa denegara o pasado día 18 a suspensión cautelarísima solicitada por Vox e deulle un prazo á comunidade autónoma e ao Avogado do Estado para presenta as súas alegacións á cautelar.

Madrid alegou que consideraba inviable a suspensión por razóns de prudencia. A avogacía aduciu a falla de lexitimación activa de Vox e da súa voceira para recorrer, e a ausencia de concreción do prexuízo irreversible que causaría o decreto.

Oponse á suspensión cautelar

Agora o Supremo oponse a suspender cautelarmente o decreto porque os recorrentes non acreditan as situacións irreversibles que se producirían no caso de non paralizalo. Do mesmo xeito, porque a ponderación dos intereses sendo notoria a persistencia da pandemia “conduce con toda claridade a manter a vixencia e aplicación de dito decreto”.

O Tribunal considera que Rocío Monasterio tampouco foi especialmente clara na súa argumentación. Do mesmo xeito, estima que os intereses en xogo de Vox e da Comunidade de Madrid non coinciden porque “diga o que diga o preámbulo do decreto da súa presidenta (…) aplica as medidas controvertidas”.

No canto á falla de lexitimación activa alegada polo Avogado do Estado, a sala lembra o seu criterio respecto aos grupos parlamentarios e á impugnación de actos ou disposicións que non afecten á posición constitucional que lles corresponde ou á súa función.

Segundo o auto, non se explica de que xeito as medidas inciden negativamente na condición dos deputados da Asemblea ou nas súas tarefas. Non obstante, acordou escoitar a Monasterio porque si é certo que lle afectan como residente na rexión.