CRTVG

Buscar

O Supremo revoga o terceiro grao aos nove condenados polo 'procés'

Publicado o 04/12/2020 10:42

O Tribunal Supremo cre que nin Oriol Junqueras nin os outros 8 condenados polo referendo do 1 de outubro teñen dereito a estar fóra da cadea porque a maioría deles non cumpriu sequera a cuarta parte das súas penas de entre 9 e 13 anos.

Acusan a Generalitat, que lles concedeu esa semiliberdade este verán, de pretender baleirar a condena a través dun tratamento penitenciario privilexiado e improcedente.

A decisión non ten efectos prácticos para os 7 homes para os que o terceiro grao xa quedara suspendido cando que a fiscalía presentou o recurso, pero si para a expresidenta do Parlament, Carme Forcadell, e para a ex-conselleira, Dolors Bassa. Só ían a cadea a durmir de luns a xoves e pasaban na casa a fin de semana: esta mesma tarde volveron ao réxime pechado.

O presidente en funcións da Generalitat cargaba contra a decisión. Para Pere Aragonès "é un paso máis na vinganza na que se instalou o poder xudicial do Estado español contra o independentismo catalán".

Pere Aragonés pedía unha lei de amnistía urxente, pero o Goberno saca a cuestión da relación con Esquerra. José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, garante que "calquera relación nosa con calquera formación política debe saber que a nosa liña vermella, o noso marco de actuación é o acatamento da lei e das sentenzas xudiciais".

A oposición respecta a decisión e reclama que os demais o fagan.Pablo Casado, presidente do PP, dixo que  "é ao Supremo a quen lle corresponde a derradeira palabra, hoxe tívoa, respectamola, e pediríalle ao Goberno e aos demais partidos que fixeran o mesmo e non intentaran sortear as decisións dun tribunal".

Segundo Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, "Cataluña necesita preocuparse máis polos que se están arruinando, os traballadores, as familias, os autónomos que polos líderes do procés".

O Supremo tamén pecha a porta a que os presos se acollan ao artigo 100.2 que lles permitiría saídas periódicas de prisión para traballar ou facer voluntariado.