O Supremo resolve que a ITV conta desde o día que se supera a revisión
O período de validez da inspección técnica de vehículos empeza a contar o día en que supera a revisión. É o que resolve o Tribunal Supremo ante a demanda de Fenadismer pola orde do Goberno relacionada coas revisións acumuladas tras o confinamento no estado de alarma. O que se aplicou foi a data de caducidade da anterior revisión, e isto implica volver antes do período correspondente á ITV.
Alberto Vila González, coordinador xeral de Apetamcor: "Dábase unha situación tan aberrante que era que pasabas a inspección hoxe e logo tiñas que volver pasala un mes despois. Iso era un atropelo ao consumidor, ao usuario, ao propietario do vehículo... e tivemos que chegar ata o Supremo, porque era un uténtico atropelo que non podemos consentir. Obrigaba a moitos vehículos que pasaban a ITV hoxe e tiñan que volver pola estación un mes despois".
Os demandantes consideran que a orde agora suspendida só tiña por obxecto protexer os intereses económicos das empresas de ITV. E que a medida prexudicaba especialmente aqueles que teñen que ir á inspección cada seis meses. En toda España o peche de ITV pola pandemia afectou máis de catro millóns de revisións.
Vila González explica que "eran os vehículos que tiñan que ter pasada a ITV desde o 15 de marzo ata a fin do estado de alarma, o 20 de xuño. Estamos a falar de tres meses, polo tanto; un trimestre. Calculamos que en Galicia podemos estar a falar duns 200.000 vehículos de todas as tipoloxías".
Agora queda que o Ministerio de Industria publique as instrucións para levar a efecto práctico a decisión do Supremo.