CRTVG

Buscar

O Supremo ordena repetir o xuízo contra Otegi polo caso Bateragune

Publicado o 14/12/2020 17:49
O Supremo ordena repetir o xuízo contra Otegi polo caso Bateragune

O Tribunal Supremo acordou este luns, por unanimidade, que se celebre un novo xuízo contra o líder de EH Bildu Arnaldo Otegi por tentar reconstruír Batasuna a través do grupo Bateragune.

O pleno da Sala Segunda do alto tribunal segue o criterio da Fiscalía, que solicitara repetir o xuízo despois de que hai uns meses o Supremo anulara a condena a seis anos e medio de cárcere que se lle impuxo en 2012, en aplicación dunha sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que considerou vulnerado o dereito a un xuíz imparcial de Arnaldo Otegui e dos restantes condenados.

A decisión adoptouse polo pleno da Sala, composto por 16 maxistrados, en cumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, que exclúe a prohibición de dobre axuizamento en supostos como o que agora se resolve.

A sentenza -da que é relator Miguel Colmenero e cuxo contido se coñecerá nos próximos días- coincide coa posición do Ministerio Fiscal, que pediu celebrar un novo xuízo para evitar que os feitos quedaran sen xulgar. "Un defecto procesual non pode converterse nunha exención penal", explica.

Otegi e o exdirixente sindical abertzale Rafael Díez Usabiaga foron condenados pola Audiencia Nacional a 10 anos de prisión por pertenza ou integración en organización terrorista e outros tantos de inhabilitación, mentres que ao resto -Miren Zabaleta, Sonia Jacinto e Arkaitz Rodríguez- impúxolles 8 anos de cárcere.

Ao revisar a sentenza, o Supremo rebaixou as penas a entre 6 e 6 anos e medio, un ditame que máis tarde avalou o Tribunal Constitucional, non así o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), con sede en Estrasburgo, que acabou dando a razón aos condenados ao estimar que se vulnerou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos por falta de imparcialidade dunha maxistrada que os xulgou.

Na orixe do recurso ao TEDH está a resposta que deu a maxistrada Ángela Murillo cando Otegi, na vista dunha causa anterior, non quixo contestar se condenaba a violencia: "Xa sabía eu que non me ía responder esa pregunta". Ao que Otegi replicou: "Eu tamén sabía que o ía preguntar".

Otegi, que saíu de prisión en marzo de 2016, recorreu a parcialidade de Murillo neste xuízo, e o Supremo deulle a razón, pero non ocorreu o mesmo con respecto á recusación da xuíza na causa de Bateragune.

Para Estrasburgo, aceptar a primeira recusación da xuíza por parcialidade contra Otegi nun caso e rexeitala noutro procedemento diferente contra el só uns meses despois vulnerou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

Nunha mensaxe publicada na rede social Twitter, Otegi sinalou: "Nin nos domaron, nin nos dobraron, nin nos van domesticar! Sorride, imos gañar".

Tamén reaccionou á decisión outro dos condenados naquel sumario, o secretario xeral de Sortu,  Arkaitz Rodríguez, quen se preguntou polo nivel democrático de España tras esta resolución.

"Doce anos despois da nosa detención, tras pasar na cárcere seis anos de forma absolutamente inxusta e ilegal, tras unha anulación europea e sen que sequera exista xa esa organización, decidiron volver xulgarnos por pertenza a ETA. Democracia? Que democracia?", expresou Rodríguez.