CRTVG

Buscar

O Supremo oponse a que se conceda o indulto aos condenados polo 'procés'

Publicado o 26/05/2021 11:56

O Tribunal Supremo amosa a súa oposición a conceder o indulto aos doce líderes independentistas cataláns condenados por sedición, malversación e desobediencia por causa do procés.

A Sala do Penal emitiu o seu informe, preceptivo pero non vinculante para o Executivo, en que rexeita conceder a medida de graza, unha decisión que está xa en mans do Goberno.

O Executivo de Pedro Sánchez ten previsto resolver esta cuestión no verán tras estudar os ditames do Supremo e a Fiscalía, ambos os dous negativos. 

Os maxistrados consideran que non se vulnerou o principio de proporcionalidade das penas e que non hai proba ou indicio de arrepentimento por parte das persoas condenadas.

Tamén subliñan que os argumentos das diversas peticións de indulto, realizadas por terceiros, desenfocan o seu sentido porque debuxan unha responsabilidade penal colectiva. Ademais, pretenden que o Goberno corrixa a sentenza ditada polo Tribunal Supremo.

Casado considera "demoledor" o informe 

O presidente do PP Pablo Casado considera "demoledor" o informe do Tribunal Supremo e anuncia que o seu partido irá "ata o final" para "defender a xustiza".

"Non hai unha mínima proba de arrepentimento nin motivos de xustiza, equidade nin utilidade pública, pero si intención de reincidir", asegurou Casado nunha mensaxe nas redes sociais en que lembra algúns dos argumentos do Supremo.

Pola súa banda, fontes do PP sinalaron que sería "gravísimo" que o Goberno de Pedro Sánchez  indultase os condenados polo procés co Tribunal Supremo e a Fiscalía en contra, unha situación "sen precedentes". Do mesmo xeito, rexeitan que o Goberno vaia facer asinar os indultos ao rei de España.

O partido de Pablo Casado impugnará os indultos ante o Tribunal Supremo, unha acción que pode levar a cabo, aseguran, malia non estar presentado na causa.

Os populares consideran que os indultos acabarán co proxecto de Pedro Sánchez porque teñen "difícil encaixe" no seu electorado e porque, aínda que Moncloa mande, o PSOE "segue vivo" e o desacordo coa medida de graza crea inestabilidade cos baróns e cos seus referentes históricos.

Sobre a palabra concordia, a que utilizou Pedro Sánchez para deixar a porta aberta os indultos no Congreso, falou o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo. Carlos Lesmes di precisamente que non existe esa concordia. E explica que, cando non a hai, é difícil de explicar un indulto.

Mentres, o independentismo catalán ve con bos ollos os posibles indultos, pero o novo presidente da Generalitat vai moito máis aló. Pere Aragonès di que aspira á amnistía e á autodeterminación de Cataluña.

Noticias web

26/05/2021