CRTVG

Buscar

O Supremo confirma a condena por branqueo ao narcotraficante Sito Miñanco

Publicado o 15/04/2021 14:24

O Tribunal Supremo confirmou a condena por delito de branqueo de capitais agravado o narcotraficante galego José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, a súa primeira esposa Rosa Pouso, a súa filla maior Rosa Prado Pouso e o empresario José Alberto Agüin.

Porén, a Sala reduce a pena de 4 anos de prisión imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a cada un deles, ao apreciar dilacións indebidas na causa, que se iniciou en 2009.

O tribunal absolve a excuñada do narcotraficante porque os feitos polos que se lle condenou non son concluíntes e suscitan unha dúbida razoable, o que obriga á absolución polo principio de presunción de inocencia.

A Sala Segunda imponlle a Sito Miñanco tres anos e 9 meses de prisión e unha multa de cinco millóns de euros. A súa primeira esposa, 3 anos e 6 meses e unha multa de cinco millón. A súa filla, 3 anos e 3 meses e unha multa de catro  millóns. E ao empresario, 3 anos e 6 meses e unha multa de 5 millóns.

A sentenza ratifica o resto de pronunciamentos da Audiencia, que inclúen a clausura definitiva da Inmobiliaria San Saturnino S.L. e o comiso da totalidade dos bens reflectidos nos feitos probados.

Estrutura organizada

O tribunal considera acreditado que os condenados formaron unha estrutura organizada marcada por intensos vínculos persoais dos seus integrantes.

Do mesmo xeito, conclúe que branquearon diñeiro procedente do narcotráfico entre 1988 e 2012, a través de sociedades instrumentais "constituídas para a ocultación e retorno das ganancias obtidas ou vinculadas coas actividades" de Bugallo.

A sentenza, relatorio do maxistrado Javier Hernández, analiza os feitos probados da sentenza de Pontevedra. Segundo o ditame, Prado Bugallo desenvolveu desde os anos oitenta actividades relacionadas co narcotráfico dunha especial relevancia cuantitativa e cualitativa polas que foi condenado en dúas ocasións a graves penas de prisión.

Durante ese período constituíu as mercantís San Saturnino S.L. e  Jolva S.L., mediante as que se adquiriron trinta e catro inmobles e trece leiras. Estas empresas estaban administradas por Rosa Pouso e José Alberto Agüin. As adquisicións inmobiliarias realizadas non se axustaban aos ingresos  societarios e os prezos de compra presentaban un patrón de infravaloración respecto aos prezos de mercado.

A xuízo da Sala, os feitos obxectivos acreditados conducen á conclusión de que Prado Bugallo "creou un modelo de transformación das ganancias ilícitas derivadas da súa actividade criminal prolongado durante máis de 20 anos no que participaron as persoas próximas do seu círculo máis íntimo persoal e familiar".