O Supremo comunica ao Congreso a condena ao deputado de Podemos Alberto Rodríguez

EFE
O Tribunal Supremo remitiulle ao Congreso e á Xunta Electoral a sentenza que condena o deputado de Podemos Alberto Rodríguez a un mes e 15 días de prisión, substituído por multa de 540 euros, por agredir un policía para os efectos da súa posible suspensión temporal ou perda de condición de parlamentario.
O alto tribunal, a través do seu máximo responsable Carlos Lesmes, remitiu á presidenta do Congreso Meritxell Batet e á Xunta Electoral Central (XEC) a sentenza que impón a Alberto Rodríguez a dita pena coa accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena por un delito de atentado a axente da autoridade.
Alberto Rodríguez foi condenado por dar unha patada a un policía nacional en La Laguna (Tenerife) nunha protesta en 2014 de rexeitamento á LOMCE con motivo dunha visita do daquela ministro de Educación José Ignacio Wert.
Segundo informa o Supremo, a pedimento do presidente da Sala do Penal deste tribunal Manuel Marchena, Carlos Lesmes remitiu á presidenta do Congreso e á XEC a sentenza e o auto de execución desta "para o seu coñecemento e efectos oportunos".