CRTVG

Buscar

O sufrimento da permanencia obriga o Celta á reflexión e á autocrítica

Publicado o 20/07/2020 19:06

Moi poucas ganas de celebración deixa a permanencia do Celta. O celtismo respira aliviado pero non feliz. Sen xogo, sen competitividade e sen orgullo no partido en que xogaba a vida.

"Todos temos que facer autocrítica porque o nivel do Celta non pode ser cada ano estar loitando por non baixar", recoñece Òscar García Junyent.

Porén a primeira comunicación pública do club tras a salvación elude esa autocrítica. Recoñece que o camiño foi duro e tortuoso e celebra que por novena temporada consecutiva seguirá na Primeira División. Fai un chamamento á unidade e a mirar cara ao futuro. De erros non fala pero o adestrador do Celta apunta:

"Dous anos seguidos ter que esperar á última xornada para te salvar é un sufrimento". 

Entre os que máis sufriron Denis Suárez, sen dúbida unha das imaxes da permanencia, máis pendente do que acontecía en Butarque que do que facían os seus compañeiros. Por iso a súa reflexión é máis profunda que a do propio club. Algo fixemos mal, recoñece o de Caselas. Denis apela a todos os estamentos do club para construír un gran Celta. Este club e os seus seguidores non merecen o sabor que deixa esta temporada. Toda a ilusión que espertara a operación retorno acabou en sufrimento e decepción.

Noticias web

20/07/2020