CRTVG

Buscar

O submarino desaparecido en Indonesia ten 72 horas de osíxeno

Publicado o 22/04/2021 10:26
O submarino desaparecido en Indonesia ten 72 horas de osíxeno

O xefe da Mariña indonesia, Yudo Margono, afirmou este xoves que o submarino desaparecido a véspera con 53 tripulantes a bordo ten capacidade para unhas 72 horas de osíxeno, mentres continúan as tarefas de localización.

Nunha conferencia de prensa, asegurou que os equipos de rescate atoparon unha fonte de gran magnetismo a unha profundidade de entre 50 e 100 metros, o que podería dar pistas sobre a localización do submarino nas augas entre as illas de Bali e Xava.

Máis de 400 persoas, cinco barcos e un helicóptero participan nas tarefas de busca do submarino  KRI Nanggala-402, fabricado en Alemaña en 1977, que se extraviou durante unhas manobras navais.

Sobre a mancha de combustible atopada no mar, Margono precisou que podería deberse a que o aparello estea flotando a uns 50 ou 100 metros e a tripulación liberase combustible para alixeirar a nave.

Outra explicación, engadiu, podería ser unha rotura do tanque de combustible que provocase o afundimento do submaniro a uns 500 ou 700 metros.

O ministro de Defensa de Singapur, Ng Eng Hen, dixo hoxe que o barco de rescate submarino da Mariña do seu país, o MV Swieft Rescue, diríxese a augas indonesias para participar nas tarefas de socorro.

Desaparecido o mércores

As autoridades perderon o contacto co KRI Nanggala-402 na madrugada do mércores uns 40 minutos despois de mergullarse, logo de iniciar a carga dun tubo lanzatorpedos. Os barcos que participaban no exercicio iniciaron a busca de inmediato.

Catro horas despois, localizaron desde un helicóptero unha fuga de combustible preto da zona en que desapareceu.

Unha carta do Exército, asinada o pasado 16 de abril á que tivo acceso Efe, convidaba os medios de comunicación a cubrir os exercicios militares previstos para este xoves do KRI Nanggala-402, que incluían prácticas con canóns, foguetes e torpedos no estreito de Bali, que separa esta illa da de Xava.

Indonesia conta na actualidade cunha frota de cinco submarinos, dous de fabricación alemá, incluído o desaparecido, que foi adquirido en 1981, e tres fabricados en Corea do Sur.