CRTVG

Buscar

O subcomité clínico deixa os encontros dos venres e só fará xuntanzas extraordinarias

Publicado o 03/06/2021 10:22
O subcomité clínico deixa os encontros dos venres e só fará xuntanzas extraordinarias

As xuntanzas do comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia manteranse como ao longo do último ano, con periodicidade semanal. Porén, a partir de agora o subcomité reunirase só de xeito extraordinario.

Polo tanto, segundo informou a Consellería de Sanidade, este venres non está previsto que os membros do citado órgano celebren un encontro, como adoitaba ser habitual cara ao final da semana.

Na comunidade mantense o toque de queda, entre a unha e as seis da madrugada. A mobilidade entre municipios é total, excepto para aqueles concellos que se atopan no nivel máximo de restricións. Arestora, están confinados perimetralmente: Mos e a Pobra do Caramiñal.

Nestes núcleos a hostalería está clausurada, salvo para recollida e envío a domicilio, e as xuntanzas soamente son posibles entre conviventes. No resto do territorio, permítese a reunión de seis persoas (de distintas procedencias) en espazos interiores e grupos de dez ao aire libre.