O subcomité clínico analizará este venres se amplía as restricións a Carballo e Chantada
Os datos da última semana son malos en boa parte da comarca de Bergantiños. En Carballo pasaron de medio cento de casos a máis de 120. E parte deles están vinculados a un gromo no colexio Fogar, o segundo de infantil e primaria máis grande de Galicia e o que ten máis casos a día de hoxe.
Sanidade xa lles adiantou aos alcaldes de Bergantiños e da comarca de Soneira que poderían implementarse máis restricións. O alcalde de Carballo confía en que as medidas sexan proporcionadas para conter a expansión do virus danando o menos posible a economía dun concello que é o motor económico da comarca.
Carballo prepárase para máis restricións
A comarca coruñesa de Bergantiños ten cinco dos sete concellos en alerta vermella por covid. Os casos activos aumentaron moito en Coristanco, Malpica, Ponteceso e Cabana e tamén na capital, en Carballo. Pasou nunha semana de 52 a 126 casos. Nunha xuntanza telemática cos alcaldes da bisbarra, Sanidade adiantoulles que poderían sumarse a algunhas das duras restricións que hai agora en 60 concellos galegos
"Desexar que esas medidas sexan eficientes pero que tamén haxa unha actividade que se siga permitindo porque é un bo indicador sanitario tamén é un bo indicador economíco", dicianos o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Unhas restricións coas que xa contan os bares e restaurantes da localidade.
"Penso que temos un 10% de posibilidades de non pechar e dentro dese 10% que imos ter algo máis de restricións dentro e fora dos locais se non pechamos", dicía, recoñecendo que con certo optimismo, Juan Pazos, o presidente da Asociación de Hostalaría de Carballo.
Desde o Concello mostran a súa preocupación porque a maioría dos novos casos se concentren no ensino primario. Hai un colexio con 22 positivos e 4 aulas pechadas en que Sanidade vai facer 300 PCR.
"O colexio Fogar é o segundo de máis alumnado de Galicia e é o que ten máis casos positivos de toda Galicia", explicaba o alcalde.
Ademais da situación da comarca de Bergantiños, o comité clínico porá o foco no aumento de casos en Chantada. É outro dos lugares onde se poderían implementar medidas adicionais. A evolución da pandemia mellorou na última semana nas áreas sanitaria de Ourense, Santiago e Ferrol.