CRTVG

Buscar

O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga será senador por designación autonómica

Publicado o 12/11/2019 15:54

O que fora candidato socialista á Presidencia da Xunta en 2016 e que actualmente ostenta a portavocía parlamentaria do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, deixará a cámara galega para ocupar un escano no Senado por designación autonómica.  Así o anunciaron este martes o propio Leiceaga e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en declaracións aos medios convocadas no Lexislativo galego este martes, xornada que coincide coa celebración do pleno.  

O escano que deixa o que tamén fora un dos principais colaboradores do ex-presidente Emilio Pérez Touriño e candidato á Xunta na autonómicas de 2016 poderá ser ocupado pola secretaria xeral da agrupación socialista de Camariñas, Encarna Liñeiro Pouso. En concreto, esta socialista da Costa da Morte ocupou o número 8 da lista pola Coruña que o PSdeG presentou para as eleccións autonómicas de 2016 e é un dos apoios do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na comarca.

Política social

Os grupos da oposición pedíronlle a conselleira de Política Social, Fabiola García, que mellorase as condición dos traballadores sociais, moitas veces con sobrecarga de traballo. Tamén que se facilitasen máis reemprazos para as substitucións.

Fabiola García anunciou que o próximo ano a Xunta quere pasar das 8.000 prazas públicas de residencias en Galicia. Tamén anunciou a elaboración dun censo de persoas maiores que viven soas no seu fogar. Unha realidade cada vez máis preocupante.

 

Noticias web

12/11/2019