CRTVG

Buscar

O socialista José Antonio Serrano, alcalde de Murcia tras gañar a moción ao PP

Publicado o 25/03/2021 14:23
O socialista José Antonio Serrano, alcalde de Murcia tras gañar a moción ao PP

O portavoz municipal do PSOE, José Antonio Serrano, converteuse este xoves no novo alcalde de Murcia tras gañar a moción de censura presentada xunto a Cs e Podemos contra o anterior rexedor, José Ballesta, do PP.

Na votación celebrada nun pleno extraordinario, Serrano contou cos 15 votos necesarios para obter a maioría absoluta que permitiu aos socialistas, que gobernarán en coalición coa formación laranxa, exsocia de goberno do PP esta lexislatura, volver á Alcaldía da capital murciana 26 anos despois.

O candidato proposto recibiu o apoio dos 9 votos do seu grupo, os 4 edís de Cs e os 2 de Podemos, que non formarán parte do novo Executivo local, a mesma cifra de firmas que subscribiron o 10 de marzo, cando rexistraron a iniciativa. Ao contrario do que ocorreu a pasada semana na Asemblea Rexional, en que tres deputados tránsfugas da formación laranxa fixeron fracasar a moción de censura contra o presidente da comunidade, Fernando López Miras, os catro concelleiros de Cs mantiveron a súa posición no pleno.