CRTVG

Buscar

O Sergas comeza a chamar os cidadáns que non se vacinaron cando lles tocaba

Publicado o 10/06/2021 14:22

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que nas próximas horas comezarán a chamar aos maiores de 60 anos que non puideron vacinarse no seu día por non recibir a mensaxe ou non poder acudir á cita. A vacinación deste grupo, que son unhas once mil seiscentas persoas, empezará a próxima semana.

A previsión é vacinar durante a próxima semana a este grupo, do que 8.563 son persoas entre 60 e 69 anos e 2.403 teñen entre 70 e 79 anos, ás que pediu que "estean atentas" á notificación telefónica e poder así "liquidar a repesca de todos os maiores de 60 anos".

Núñez Feijóo destacou que Galicia é a primeira comunidade de España en persoas maiores de 50 anos vacinadas, cun 95 % que ten polo menos unha dose, e xa conta cun 57 % da poboación diana que recibiu tamén esta primeira dose da vacina e un 36 % coa pauta completa.

A adhesión á campaña de vacinación é absolutamente maioritaria. De feito, son 2.150.000 doses administradas fronte a pouco máis de 50.000 que non acudiron por diferentes razóns. Pero si que preocupa unha tendencia e é que a participación diminuíu a medida que se incoporaron os grupos que están en idade laboral.

O Sergas lembra que se trata dunha cita médica importantísima, que cada vacina é unha vida protexida e que nos 14 puntos de vacinación se dan xustificantes para entregar no traballo. Ademais pon en marcha un sistema de repesca e un de cita previa para que non quede ninguén sen vacinar.

Non fai falta máis que ollar para as ringleiras ás que xa estamos afeitos nos puntos de vacinación para constatar a resposta masiva dos cidadáns galegos. A adhesión é a norma, e a excepión esas porcentaxes ínfimas dos que non acoden: un 1 % nos de 70-79, un 4 % dos de 60-69 e un 9 % dos de 50-59 quedaron sen vacinar. O absentismo aumenta nos grupos etarios con máis poboación activa para os que vacinarse supón ter que deixar o traballo por unhas horas.

Os xustificantes entréganse nos puntos de información, tras a vacina e o repouso. Poden conseguirse co QR da cita, o DNI ou a tarxeta sanitaria se é das que ten código de barras. Medidas para favorecer a adhesión que se complementan cun programa de repesca que reservará unhas 20.000 doses semanais para que ninguén quede atrás.

E a partir de xullo, para os menores de 40, a citación combinarase cun sistema de petición de cita previa para que os que estean de vacacións lonxe da súa residencia poidan programar o seu momento. En Galicia xa van 1.350.000 persoas vacinadas con polo menos unha dose.

 




 

 

Noticias web

10/06/2021