O sindicato CSIF estuda unha querela contra a alcaldesa
O dispositivo de seguridade da cabalgata de Reis foi a pinga que colmou o vaso nas tensas relacións que mantén o Goberno de Lugo coa Policía Local. O sindicato CSIF estuda unha querela contra a alcadesa. Acusan a socialista Lara Méndez de ordenar a dirección deste dispositivo a un axente que non ten competencia para iso e de obrigar a prolongar xornada ou mesmo interromper días de descanso a varios axentes. Ademais, segundo CSIF, fixo que membros de Protección Civil realizaran un traballo propio dos policías ante a escaseza de axentes.
Benito Martínez, policía e delegado de CSIF: "Este sindicato valora a posibilidade de interpoñer unha querela por prevaricación e posible inducción á usurpación de funcións. Esta improvisación se puxo de manifesto incluso diante do Concello, onde algún pai chegou perder nalgún momento ao seu fillo pola desorganización"
Miguel Fernández, voceiro do Goberno de Lugo: "Todas as medidas que se tomaron foron dentro da legalidade, consultando aos técnicos e priorizando o interese xeral da cidade, que era que houbese unha boa cabalgata de Reis".
O Goberno local anunciou unha nova convocatoria de prazas para incrementar o cadro da policía, moi minguado polas xubilacións. Mentres tanto, CSIF di que tamén acudirá aos xulgados para esixir que o Concello pague a axentes que teñen pendente de cobro reforzos e nocturnidade desde hai dous anos.