CRTVG

Buscar

O sexo, o sistema inmunitario e a idade, claves na reacción á vacina contra a covid-19

Publicado o 22/06/2021 14:36

A fortaleza do sistema inmunitario ou a idade son factores clave para que a vacina contra a Covid-19 presente máis efectos secundarios.

"Un pouco de cansazo e nada máis", di unha persoa que acode poñer a segunda dose. 

Cansazo, dor de cabeza, febre son síntomas leves e, que desaparecen ás poucas horas, e ao igual que sucede con outras vacinas, danse con maior frecuencia entre as mulleres.

"Con febre, dor muscular, pero case se perdoa que che de un pouquiño polo efecto da vacina en si", explica outra persoa vacinada. 

Reaccións adversas que tamén son máis habituais tras a segunda picada, xa que con ela a maquinaria activada no organismo coa primeira dose tende a acelerarse.

"Non hai problema de ningún tipo", comenta un varón que acaba de recibir a segunda dose de Pfizer, "se teño unha tarde de dor de cabeza dáme igual, que outros días telo por outras cousas". 

En todo caso, os expertos en vacinas aseguran que estas reaccións non son preocupantes e indican que o soro funciona e que o corpo responde fronte aos antíxenos que veñen na vacina.

"Pero hai un efecto secundario que me preocupa moito", di Amós García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía, "preocúpame que non se administre a vacina, porque corremos o risco de padecer a enfermidade, e esa si que ten efectos secundarios moi terroríficos".

En caso de síntomas máis graves e pouco frecuentes, como dores e febre persistente, visión borrosa ou dificultade para respirar, entre outros, hai que buscar atención sanitaria e informar ao Sistema Español de Farmacovixilancia, que avalía de forma constante a seguridade das vacinas.

Noticias web

22/06/2021