CRTVG

Buscar

O sétimo detido polo crime de Samuel xa declarara en xullo como testemuña

Publicado o 30/09/2021 14:28

O sétimo detido pola morte do mozo Samuel Luiz Muñiz o pasado mes de xullo na Coruña pasou a súa primeira noite no cárcere de Teixeiro. Alí o enviou o xuíz instrutor despois de que onte se negase a declarar. 

É Alejandro Míguez Roca, de 25 anos e amigo dos outros arrestados. A Policía Nacional considera que tivo unha participación directa na malleira mortal do pasado 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña, e por iso o prenderon. Agora, xa na cadea, é sospeitoso dun delito de asasinato, pero meses atrás comparecía como testemuña nas dependencias policiais de Lonzas. Alí, segundo recolle o sumario, declarou que cando saíu do pub Andén, no paseo marítimo, escoitou alguén que dicía: "Estanse petando", e que viu como dúas persoas levaban un mozo, que era Samuel, en moi malas condicións. Engadiu que a xente corría en todas as direccións e que en ningún momento pensou que fosen varias as persoas que estaban mallando nunha. Explicou tamén que tratou de localizar os seus amigos, pero que non vira a ningún.

Horas despois, todos agás Diego e David, tamén detidos, déronse cita no parque de San Diego. Alí, segundo recolle o sumario, Alejandro declarou que todos falaran do acontecido e comezaron a explicar quen mallara en Samuel. Asegurou que Yumba recoñeceu que lle dera dúas puñadas a Samuel e que Kaio non dixo nada. Declarou tamén que ao día seguinte falara con Diego, sinalado como o que iniciou a agresión de Samuel, e que lle contou que forcexeara co mozo, pero que non o matara. Que el ía pagar por todo porque era o maior.

Polo momento a investigación segue aberta malia que, nun principio, non se agardan máis detencións. E falta tamén que a Xustiza dos Estado Unidos resolva a petición do xulgado da Coruña sobre as mensaxes dos detidos, supostamente borradas das redes sociais que teñen alí a súa sede porque nelas probablemente estarían as pezas que aínda faltan por encaixar no caso Samuel.

Noticias web

30/09/2021