CRTVG

Buscar

Galicia realiza este xoves unha proba de vacinación masiva con 1.000 persoas en Santiago

Publicado o 10/03/2021 16:39

"Non é descartable a chegada masiva de vacinas a curto prazo, segundo nos fan chegar desde o Ministerio de Sanidade", asegurou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Por ese motivo, o Servizo Galego de Saúde vai realizar nos próximos días unha proba de vacinación masiva, para probar a posibilidade de poñer unha gran cantidade de vacinas en moi pouco tempo.

Este xoves á tarde mil persoas están citadas na Cidade da Cultura de Santiago para participar neste proba piloto. Trátase de persoas do grupo de idade que vai de 50 a 55 anos, aos que se lles vai poñer a vacina de AstraZenenca. Comezará así a vacinación en Galicia dos menores de 55 que non realizan actividades consideradas esenciais, empregando 20.000 doses que chegaron esta semana.

Todas esas persoas recibiron unha mensaxe SMS nos seus teléfonos e ao longo deste mércores van recibir unha chamada autómatica en que poderán confirmar que van acudir a vacinarse. De feito, ademais da alta concentración de persoas nun mesmo lugar para a vacinación, a gran novidade é ese sistema de comunicación, xa que, por exemplo, nestes momentos ás persoas maiores de 80 anos estáselles relizando unha chamada personalizada para citalos.

O modelo vaise repetir o sábado en todas as áreas sanitarias. 4.000 persoas serán citadas na área sanitaria da Coruña, das que 300 corresponden ao hospital de Cee. En Lugo chamarán a 1.700 persoas, máis 300 na Mariña e outras 300 en Monforte. En Ourense citaranse 1.750 persoas, xunto con 250 no Barco de Valdeorras e 200 en Verín. En Santiago van convocar 2.000, máis 400 no hospital da Barbanza. 1.300 persoas van ser vacinadas en Ferrol e 4.400 en Vigo. Na área sanitaria de Pontevedra repártense entre 1.700 na propia capital e 500 no Salnés.

A pesar de que, segundo o conselleiro de Sanidade, para o proceso de vacinación se vai apostar pola sistema de atención primaria, é preciso ter previsto poder realizar este tipo de actuacións masivas para acurtar prazos en caso de que as doses comecen a chegar en grandes cantidades.

Respecto á posibilidade de que esta vacina de AstraZeneca se lle poida poñer a persoas de máis de 55 anos, como acordaron recentemente en varios países europeos, García Comesaña dixo que iso non depende da Xunta de Galicia, e que na última reunión do Consello Interterritorial de Sanidade eran máis os partidarios de manter esa limitación de idade.