O Sergas abre este sábado a vacinación sen cita previa
• Os 180.000 galegos maiores de 12 anos que aínda non recibiron ningunha dose poderán acudir aos hospitais e puntos de vacinación masiva | Bastará con que leven o DNI para seren vacinados
• Galicia administrará a terceira dose a 400 persoas este sábado
A quinta onda semella estar dando xa os últimos latexos, e perde forza a maior velocidade do previsto. A incidencia media a sete días xa está por baixo de 50 casos por 100.000 habitantes grazas á vacinación, que vai recibir esta fin de semana un empurrón novo con esa posibilidade de irse vacinar sen ter cita.
Mañá sábado, 11 de setembro, nos puntos de vacinación de Galicia, vai haber dúas ringleiras: as dúas son para repescas. Unha delas é para os que acoden con autocita e na outra estarán os que desexan vacinarse sen cita previa. Eses terán que pasar antes de vacinarse por un punto administrativo onde lles van xerar un código QR para poder rexistrar despois a dose administrada, un proceso que se espera que sexa fácil e rápido. "Estamos na recta final, somos das comunidades con maior porcentaxe de poboación vacinada, pero aínda quedan 180.000 persoas pendentes de que lles poñamos polo menos unha dose", explica a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.
Todos os hospitais e os grandes recintos funcionarán mañá a pleno rendemento para recibir todos os que desexen vacinarse, que por primeira vez poden acudir sen cita previa. "Xa temos moita experiencia. Levamos dende decembro con procesos loxísticos moi complexos que eu penso que foron óptimos. E xa temos toda a loxística preparada e estamos dispostos para iniciar esta nova experiencia de vacinación sen cita. Queremos animar toda a poboación a que se vacine. Antes falabamos dun descenso na incidencia acumulada, que foi posible pola alta porcentaxe de vacinación que temos en Galicia", engade a directora xeral.
A porcentaxe é do 86,6% coa pauta completa, que pretenden incrementar tamén a partir da semana que vén nos recintos sen cita instalados nos sete campus universitarios. O Sergas anuncia ademais que adiantará un par de días a segunda dose para os escolares, co propósito de que inicien o curso coa pauta completa: "Segundo os criterios que se establecen nos ensaios clínicos, na ficha técnica das vacinas e no plan galego de vacinación. É un adianto baseado na evidencia científica". Hoxe hai xa 2.130.000 galegos coa pauta completa; e o 92,6 por centos teñen xa polo menos unha dose.