O Sergas realizará un cribado masivo a maiores de 15 anos na Illa pola súa alta incidencia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) informou de que realizará os próximos días 8 e 9 de xaneiro novos cribados preventivos na Illa de Arousa (Pontevedra) ante o avance dos contaxios por covid-19 nesta zona. Diso informou a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés nun comunicado remitido aos medios, no que indica que este municipio rexistra unha de taxas de incidencia acumulada de casos a 14 días máis altas de Galicia.
O Sergas considera de interese preventivo continuar cos cribados poboacionais a colectivos con rangos diversos de idade e coa devandita incidencia elevada. O obxectivo é detectar o maior número posible de asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios.
Deste xeito, Sanidade levará a cabo novos cibrados voluntarios da poboación de máis de 15 anos con tests de saliva. Os usuarios de 15 ou máis anos de idade con tarxeta sanitaria na Illa elévanse a 3.663, dos que 3.057 teñen entre 15 e 69 anos -colectivo ao que se lle efectuará voluntariamente o cribado- e outras 606 persoas teñen máis de 70 -grupo ao que se lle efectuará voluntariamente unha mostra nasofarínxea.
Para facer estas probas, o Sergas desprazará 12 profesionais coordinados por un facultativo, que comezarán o traballo o vindeiro venres con seis equipos que entregarán aos cidadáns botes de recollida de mostras de saliva entre as 8:30 e as 19:30 horas. Xa o sábado, outro tres equipos tomarán mostras nasofarínxeas voluntarias á poboación da Illa de máis de 70 anos,mentres que outros dous equipos farán a recollida dos botes entregados para as mostras de saliva o día anterior.
O resultado será comunicado a través de SMS aos cidadáns en caso de ser negativo. Pola súa banda, se se trata dun positivo, será informado de forma individual a cada cidadán.