CRTVG

Buscar

O Sergas realizará un cribado en Carnota e Negreira tras detectar 5 casos en Moaña

Publicado o 18/12/2020 17:29
O Sergas realizará un cribado en Carnota e Negreira tras detectar 5 casos en Moaña

Sanidade confirmou este venres que o cribado masivo realizado na localidade pontevedresa de Moaña desvelou cinco casos positivos de covid-19, entre as case 9.000 persoas que foron sometidas a probas. Así, o Sergas citara finalmente a 12.109, que eran as que cumprían os requisitos esixidos (ser maior de 15 anos, ter tarxeta sanitaria e estar dado de alta no sistema  Lembra), a pesar de que a previsión inicial era convocar case 20.000 persoas.

Dos pacientes citados, acudiron facer os tests 8.902 (un 73,5 %). A maior parte deles foron sometidos a probas PCR a través de saliva (7.815), mentres que o resto (1.087) fixeron probas con extracción de mostra nasofarínxea. Do total, detectáronse cinco casos positivos.

Nos últimos días, o Sergas tamén trasladou outros resultados de cribados. Segundo informou, nas probas realizadas en Tui, Redondela e o CIFP Manuel Antonio de Vigo, detectáronse un total de 23 casos (4 en Tui, 6 en Redondela e 13 no centro educativo).

Ademais destas análises, que se realizan para localizar persoas infectadas que non teñan síntomas, tamén se está cribando a poboación asignada a varios centros de saúde de Vigo, así como pacientes de Chapela-Redondela, Gondomar e Cangas.

Por outra banda, o Sergas citará un total de 2.818 persoas para dous cribados por PCR que acometerá esta fin de semana entre a poboación dos municipios coruñeses de Negreira e Carnota. En concreto, en Negreira será no centro de saúde da localidade ao longo da xornada do sábado. Estarán chamados a participar 1.459 persoas con idades comprendidas entre os 30 e os 44 anos.

En canto ao cribado de Carnota, serán 1.359 persoas, con idades de 15 a 74 anos, as que estarán chamadas a acudir ao centro de saúde, onde catro equipos de enfermería tomarán as mostras.

Segundo informa a área Sanitaria de Santiago-Barbanza, a poboación será citada a través dun SMS en que figurará a hora e a dirección á que deben acudir, así como un código QR para a súa identificación persoal. A toma de mostras será naseofarínxea e as PCR serán analizadas pola técnica de 'pooling'.

Noticias web

18/12/2020